Dende 1997, por iniciativa da Asociación Española de Amigos do Libro Infantil e Xuvenil, celébrase o DÍA DA BIBLIOTECA, co obxectivo de concienciar á sociedade da importancia da lectura e como homenaxe e recoñecemento do traballo dos/as bibliotecarios/as.
Este ano, as persoas seleccionadas para a elaboración do cartel conmemorativo e para facer e ler o pregón do día, foron Elena Odriozola (Premio Nacional de Ilustración 2015) e Ledicia Costas (Premio Nacional de Literatura Infantil 2015 polo seu libro "Escarlatina, a cociñeira defunta").
Deixamos aquí o cartel de Elena Odriozola e o pregón que lerá Ledicia Costas o día 24 de outubro ás 18:00 horas na "Biblioteca Regional de Madrid Joaquín Leguina."
PREGÓN
Un vagalume é unha illa diminuta extraviada na noite máis densa. Cen vagalumes, unha constelación misteriosa que marca o rumbo cara a outros universos. Así, con esa estratexia de luz, organízanse os libros que moran nas bibliotecas. Son aloumiños fosforescentes que incendian os soños e recompoñen os corazóns grises ata facelos recobrar o seu vermello brillante. Calquera individuo que padeza a síndrome do corazón gris, debería poñerse en mans dun experto e visitar unha biblioteca.
Para
escribir un libro, ademais de facer malabarismos coas palabras hai que
ser unha desvergonzada ou un tolo. Un atrevido, unha excéntrica
descontrolada! Levar un calcetín de lunares, outro de raias e os pelos
de punta. Unha crista como as das cacatúas sería un peiteado ben
interesante para un escritor. Só as mentes máis disparatadas son aptas
para escribir libros. Mais para custodialos non chega con ter un
desaxuste nos cables cerebrais. É indispensable ser de fóra. Un
extraterrestre. As bibliotecas albergan seres con antenas xiratorias,
cerebros milliométricos que memorizan títulos rebuscados, rimbombantes,
campanudos. As persoas que custodian os libros sempre me pareceron
criaturas singulares. Están dotadas de extremidades retráctiles que
estiran e estiran ata alcanzar aquel volume ao que semellaba imposible
acceder. E logo, coma se nada, recompóñense e todo volve á súa posición
natural. Semellan seres humanos, mais a pouco que os observes,
percibirás que non son de aquí. Unha das cousas que máis me fascina é o
seu cerebro. Parécenme tan listos! Os libros fabrican pensamentos. Pasar
tantas horas dentro dunha factoría de ideas é bo para ter un corazón
vermello e brillante e unha cabeza chea de plans fantásticos.
Alguén
me contou que o 24 de outubro é o Día das Bibliotecas. Sería xenial
montar unha festa con confeti e pompas de xabón. Unha cousa grande. A
min encantaríame vestirme para tal ocasión coma o personaxe dalgún
libro, sentar na mesa dunha biblioteca da cidade onde vivo, e agardar a
que viñesen visitarme. Nas bibliotecas podes ser quen ti queiras. Desde
Mary Poppins ata Matilda. Atreyu, Drácula e ata Pippilotta Viktualia
Rullgardina Krusmynta Efraimsdotter Långstrump. Podes poñer botas de
pelo, plumas, zancos e sombreiros. Sombreiros! Iso é! Imaxino a unha
pequena lectora achegándose a min discretamente, engaiolada polas cores e
formas do meu chapeu:
—Sombrereira tola, que festa tan marabillosa! Sería tan amable de servirme unha taza de té?
Eu
serviríalla con moito gusto, poñendo cara de muller refinada, e logo as
dúas faríamos a un tempo ruído ao tragar. Soaría algo así como glup
glup glup. E antes de que nos dese tempo de botarnos a rir de xeito
desenfreado, aparecería o bibliotecario, como xurdido da nada, que para
iso posúen a facultade de materializarse diante de ti no momento máis
inoportuno, e nos advertiría de que as bibliotecas non son lugares aptos
para ir merendar. Hai que recoñecer que son únicos custodiando
tesouros. Extraterrestres co corazón vermello e brillante. Que cousa tan
fantástica. Feliz Día das Bibliotecas!
Ledicia Costas
Ningún comentario:
Publicar un comentario