Un ano máis, o Ibby
(International board on books for young people) chámanos a conmemorar o Día Internacional do Libro
Infantil o día 2 de abril, data de nacemento de Hans Christian
Andersen. Este ano, o cartel e o díptico correspondéronlle a Letonia. O
texto é da escritora letona Inese Zandere, poeta, editora e activista da promoción da lecturaquen titula a súa mensaxe: Os libros fan grande o máis pequeno.
A imaxe do cartel é do ilustrador Reinis Petersons, recoñecido debuxante dese país.
Galix, Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil, traduciu ao galego a mensaxe, que aquí deixamos para todos e todas vós.
OS LIBROS FAN GRANDE O MÁIS PEQUENO
"As
persoas tenden ao ritmo e á regularidade, do mesmo xeito que a enerxía
magnética organiza as lascas de metal nun experimento de física, do
mesmo xeito que unha folerpa crea cristais a partir de auga.
Xa
sexa nun conto de fadas ou nun poema, ás nenas e aos nenos gústalles a
repetición, os refráns e os motivos universais porque poden recoñecerse
unha e outra vez; danlle regularidade a un texto. O mundo adquire unha
orde preciosa. Aínda me lembro cando de nena loitaba comigo mesma por
defender a xustiza e a simetría, a igualdade de dereitos para a esquerda
e a dereita: se tamborilaba cos dedos unha melodía sobre a mesa,
contaba cantas veces debía golpear con cada dedo para que os demais non
se sentisen ofendidos. Adoitaba aplaudir dando unha palmada coa man
dereita sobre a esquerda, pero pensei que iso non era xusto e aprendín a
facelo ao contrario, coa esquerda sobre a dereita. Por suposto, este
afán instintivo de equilibrio resulta gracioso, pero o que mostra é a
necesidade de evitar que o mundo chegase a ser asimétrico. Tiña a
sensación de ser a única responsable de todo o seu equilibrio.
A
inclinación das nenas e os nenos cara aos poemas e ás historias xorde,
do mesmo modo, da súa necesidade de levar regularidade ao caos do mundo.
Dende a indeterminación todo tende cara a unha orde. As cancións
infantís, as cancións populares, os xogos, os contos de fadas, a
poesía... son formas de existencia ritmicamente organizadas que axudan
aos máis pequenos a estruturar a súa presenza no gran caos. Crean a
conciencia instintiva de que a orde no mundo é posible e que todas as
persoas teñen un sitio único nel. Todo flúe cara a este obxectivo: a
organización rítmica do texto, as series de letras e o deseño da páxina,
a impresión do libro como un todo ben estruturado. A grandeza revélase
no máis pequeno e dámoslle forma nos libros infantís incluso cando non
estamos pensando en Deus ou nos fractais.
Un
libro infantil é unha forza milagrosa que promove o enorme desexo dos
pequenos e a súa capacidade de ser. Promove a súa coraxe para vivir.
Nun
libro, os pequenos sempre son grandes, de forma instantánea, e non só
cando chegan a adultos. Un libro é un misterio no que se encontra algo
que non se buscaba ou que non estaba ao alcance de ninguén. O que non
poden comprender as lectoras e os lectores dunha certa idade permanece
na súa conciencia como unha pegada e continúa actuando aínda cando non o
entendan completamente. Un libro ilustrado pode funcionar como un cofre
do tesouro de sabedoría e cultura incluso para os adultos, do mesmo
xeito que as nenas e os nenos poden ler un libro destinado a adultos e
atopar a súa propia histo ria, un indicio sobre as súas vidas
incipientes. O contexto cultural modela as persoas, establecendo as
bases para as impresións que chegarán no futuro, así como para as
experiencias máis difíciles ás que terán que sobrevivir sen perder a súa
integridade.
Un libro infantil representa o respecto pola grandeza do máis pequeno. Representa un mundo que se crea
de novo unha e outra vez, unha seriedade lúdica e preciosa sen a que
todo, incluída a literatura infan til, é simplemente un traballo moi
pesado e baleiro."
INESE ZANDERE
Traducción Ana Luna e Antía Marante
Ningún comentario:
Publicar un comentario