sábado, 6 de xuño de 2020

ADIVIÑAS

Aquí poñeremos cada día unha adiviña. Lédea despacio e despois a ver se sabedes que é.
A resposta debedes enviala cubrindo o formulario que aparece facendo clic na palabra  "solución" que aparece debaixo. Acabamos de ver que Antía contestou a unha adiviña nun comentario. Lembrade responder picando na palabra solución que está resaltada debaixo.

Aló imos!

62ª Adiviña:
"Que cousa, cousa será,
sempre andando, 
sempre andando
e non se move do lugar". 
Solución:
Só respondeu ARIANNA e deu unha solución que non é a que sinalan para esta adiviña pero que vale perfectamente. Mañá poñeremos aquí todas as respostas. Tedes un día máis para pensar.
Moi ben, Arianna! A túa resposta cumpre as condicións da adiviña, así que está perfectamente!
SOLUCIÓN:

61ª Adiviña:
"Unha señorita branda, brandiña;
aínda que nunca está enferma
sempre está nunha camiña".
Dúas persoas responderon á adiviña: Lucas V. I. e ANTÍA (e as dúas ben). Animouse tamén MARCOS. Parabéns!
Damos de prazo ata mañá por se alguén máis se anima. 
Solución: ALMOFADA.
 
 
60ª Adiviña: Adiviña de fin de semana
"Eu podo ser negro ou branco,
e sácanme dunha cana.
Aínda vindo doutro mundo,
agora nazo en España".
Solución: AZUCRE
Responderon LUCAS V. I  e JAVI. Parabéns aos dous!
 
 
59ª Adiviña:
"Que letra, letra será,
que se ti lle dás a volta,
convértese enseguidiña
de consoante en vogal?"
Houbo tamén unha única resposta. Deixarémola un día máis. Pensade un pouquiño.Escribide as letras (minúsculas) e mirade a ver cal cumple a condición da adiviña.
SOLUCIÓN: letra n, porque ao darlle a volta queda como u (a letra v non valería porque ao darlle a volta non queda como ningunha vogal).
Responderon: LUCAS V., JAVI, ANTÍA E MARCOS. Parabéns aos catro!
 
58ª Adiviña:
"En min rematan os ríos,
en min os barcos verás,
moi curto é o meu nome
que ten tres letras, non mais".
Solución: MAR.
Responderon: ANTÍA, LUCAS V. E MARCOS. Estupendo!
 
 
57ª Adiviña:

"Que animal será

o que cando ten unha cadeira

nela non pode sentar"?

Polo de agora só respondeu LUCAS VARES (e fíxoo correctamente).
Deixamos un día máis a ver se alguén máis se anima.
Solución: CABALO
Ademais de Lucas, respondeu MARCOS. Parabéns aos dous!

 

56ª Adiviña:
"Desde o día en que nacín
corro e corro sen parar;
corro de noite e de día
para chegar ata o mar.
Pero cando ata alí chego
todo volve a comezar.
Sigo correndo, correndo 
e nunca podo parar". 
Ninguén deu a resposta correcta. Seguide pensando na fin de semana.  Mañá poñeremos unha pequena pista.
(Non puxen a pista, pero aínda así pensastes)
Solución: o RÍO.  
Responderon ANTÍA, JAVI e MARCOS. Moi ben mozos e moza!


55ª Adiviña:

"Parece que chego ao ceo,
parece que chego ás nubes.
Necesitarás boas botas
se ao meu corpo ti subes".
 Solución: MONTAÑA.
Esta vez só respondeu ANTÍA, así que Parabéns, moza! Es unha súper adiviñadora!


54ª Adiviña
"Mira que mira, que mira,
mira que cousa máis rara:
canto máis medra,
máis baixa
Parece que esta adiviña dá un pouquiño de traballo. Aquí tedes unha pequena pista, a ver se vos axuda.
PISTA: ten que ver coas plantas. 
Solución: RAÍZ 
Responderon ANTÍA e MARCOS. Parabéns a esas dúas mentes!


53ª Adiviña:
"En Melilla hai tres,
en Madrid ningún,
en Lleida hai dous
e en Galicia un".
Solución : L
Responderon Antía e Lucas V. Parabéns! Seguide así!

52ª Adiviña:
"Moito me gusta cantar;
todas as mañás ensaio;
e gústame pelexar.
Teño plumas, son o...
Solución: GALO.
Responderon Antía e Javi. Parabéns aos dous!

 51ª Adiviña:
"Un neno desde unha fiestra
ve unhas pitas que se mollan.
O neno quere gardalas,
e avisa á súa familia;
e ao remate da historia
a xente queda enchoupada"
Que conto é?  
Solución: "AS PITAS BAIXO A CHOIVA" 
Responderon: Antía, Javi e Lucas V. Bravo!


50ª Adiviña:
"Ten cabeza 
e non ten boca.
Ten dentes 
e non pode comer .
Pódesnos dicir que é?
Solución: ALLO.
Responderon: Antía, Lucas V. e Javi (mentes adiviñadoras!) Parabéns!


49ª Adiviña:
"Verde son,
verde serei,
non me toques,
que te picarei".
Solución: ORTIGA.
Responderon Antía, Marcos e Javi. Parabéns! 


48ª Adiviña:
"Coa miña cara encarnada,
o meu ollo negro
e o meu vestido verde,
nos días de verán
o campo alegro". 
Solución: PAPOULA.
Esta vez houbo só dous adiviñadores: Javi e Lucas Vares. Parabéns aos dous! Sodes uns expertos!


47ª Adiviña: 
"Que flor fermosa é 
que no seu nome 
as cinco vogais ten?
Solución: ORQUÍDEA.
Moi ben Antía, Javi e Lucas V.! 
Sodes grandes adiviñadores e adiviñadora.

46ª Adiviña:(adiviña de fin de semana)
"Son froita grande e redonda,
e medro deitada ao Sol.
Son doce e verde por fóra,
dentro teño moita auga 
e vermello o corazón".
Solución: SANDÍA  
Responderon: Javi, Antía e Marcos. Parabéns, especialistas en adiviñas! 
(Xa non poñeremos primeira resposta, que iso non é importante. Graciñas aos tres por participar tanto e tan ben!)



45ª Adiviña:
"Son unha flor coñecida,
se queres, ata vulgar.
Uns úsanme como adorno,
outros para adiviñar".
Solución: MARGARIDA.
Houbo tres respostas: de Antía, Javi e Lucas V. Parabéns aos tres!
A 1ª resposta foi a de: ANTÍA.
44ª Adiviña:
"Son redonda, son brillante,
tan lucida coma o Sol.
A miña cor é o meu nome;
a mesma cousa che son". 
Solución: a LARANXA.
Responderon  Javi, Antía e Marcos. Parabéns!
A 1ª resposta foi a de: JAVI. 



43ª Adiviña:
"Cal é a única planta 
que non ten flores, 
nin froitos nin follas?"
Solución: PLANTA DO PÉ. 
De novo responderon Antía, Lucas V., Javi e Marcos. Sodes os especialistas das adiviñas! Parabéns.
A 1ª resposta foi a de: ANTÍA. 

42ª Adiviña
"Cólleme con coidadiño,
que son pequerrechiña, 
mais se me sementas,
transfórmome nunha plantiña". 
Solución: SEMENTE. 
Responderon Antía, Lucas V., Marcos e Javi.
A 1ª resposta foi a de: 
ANTÍA.
41ª Adiviña:
"Está na navalla,
está no caderno
e cae das árbores
antes do inverno"
Solución: FOLLA.
Responderon sen erro ningún: Lucas V., Antía, Javi e Marcos. Moi ben!
A 1ª resposta foi a de: MARCOS.

40ª Adiviña (Adiviña de fin de semana)
"Estou no final da terra, 
tamén no medio do mar,
nunca no alto do ceo.
Pódesme ti atopar?"
Solución: Letra A 
Responderon: Lucas V., Antía, Javi e Marcos. Parabéns!
A 1ª resposta foi a de: LUCAS.
39ª Adiviña:
"Pescozo moi longo e fino,
come das árbores 
e pasea moi feliz.
Só se ti es un mosquito
podes chegarlle ao nariz.
Solución: XIRAFA
Javi, Antía e Lucas V. responderon perfectamente á adiviña. Sodes grandes adiviñadores/a!
A 1ª resposta foi a de: JAVI. 

38ª Adiviña:Quen é? Cal é a súa profesión?
"Por un corredor longo
pintado de branco e negro
pasean os seus dez fillos
con sonoros martilleos" 
Solución: PIANISTA. O corredor loxicamente son o que forman as teclas do piano.
Antía, Lucas V e Javi responderon correctamente. Parabéns!
A 1ª resposta foi a de: ANTÍA.
  
37ª Adiviña:
"Aquí estamos doce irmáns
e eu, que o segundo nacín,
son o pequeno de todos.
Como pode ser así?
Sabes quen somos?"
Solución:  OS MESES DO ANO. (Febreiro só ten 28 ou 29 días e todos os demais meses teñen máis).
Só respondeu LUCAS V. Así que: Parabéns, Lucas! Hoxe  ti fuches o campión absoluto!

36ª Adiviña:
"Cun pouquechiño de tul
e un anaquiño de pan
formaremos unha flor.
Pódesnos dicir ti cal?  
Solución: TULIPÁN.
Responderon Antía, Marcos e Lucas V. Moi ben por seguir con tanta atención!
A 1ª resposta foi a de: ANTÍA.

35ª Adiviña:
"Entre col e col, leituga,
entre as leitugas, flor,
entre as flores, Pepita,
e entre as Pepitas, sol.
Sabes cal é esa flor?
Solución: XIRASOL
Tres persoas responderon á adiviña: Javier, Antía e Lucas V.  Moi ben!
A primeira resposta foi a de: JAVI.

34ª Adiviña: (Adiviña de fin de semana)
"Asubía sen boca,
móvese sen pés,
pégache por calquera lado
e ti nunca o ves". 
Solución: VENTO.
Responderon: Javi, Antía, Marcos e Hugo G. Moi ben!
A 1ª resposta foi a de: JAVI.



33ª Adiviña:
"Adiviña, adiviñanza,
a ver se sabes que é, 
que canto máis hai
menos se ve". 
Solución: ESCURIDADE
Catro respostastes e todos ben: Antía, Lucas V, Javi e Marcos. Sodes xeniais! 
A 1ª resposta foi a de: ANTÍA.

32ª Adiviña:
"Ando sempre 
con pixama de raias
pero nunca, nunca,
me meto na cama."
Solución: CEBRA.
Catro de vós respondestes (todos ben):  Javi, Lucas V., Antía e Hugo G. Parabéns!
A 1ª resposta foi a de: LUCAS.


31ª Adiviña: 
"Primeiro un ovo, 
despois capulliño,
máis tarde voarei 
como un paxariño.
Sabes quen son?
Pensa un pouquiño"
Solución: BOLBORETA.
Catro de vós respondestes: Lucas V., Marcos, Antía e Javi. Súper ben!
A primeira resposta foi a de: LUCAS V.

30ª Adiviña:
"Ten patas e ten bigotes;
para cazar dáse maña.
Araña e non é araña.
Seguro que xa non fallas". 
Solución: GATO.
Sete persoas respostaron desta vez (e todas correctamente): Javi, Jorge, Román, Antía, Arianna, Marcos e Vera. Bravo!
A primeira resposta foi a de: JAVI.  

29ª Adiviña:
"No medio do ceo estou
sen ser Sol, Lúa ou estrela.
Nesta adiviña estou.
Pódesme atopar nela?"  
Solución: E (está no medio de cEo).
Houbo só dúas respostas: Javi e Antía. Moi ben!
A primeira resposta foi a de: JAVI.


28ª Adiviña: (Adiviña de fin de semana)
"Unha casa pequeniña, 
un porteiro rebulidor *
e os veciños que hai na porta
todos de cor branca son".
* Rebulidor quere dicir que se move moito.
SOLUCIÓN: BOCA (a boca é a casa, a lingua é o porteiro e os veciños son os dentes).
Catro de vós respostastes: Javi, Arianna, Antía e Marcos. Moi ben!
A primeira resposta correcta foi a de: JAVI.


27ª Adiviña:
"No campo crieime eu
atada con verdes lazos
e os que choran por min
vanme partindo en anacos".
Solución: CEBOLA.
Cinco persoas responderon e case todas ben: Román, Javi, Antía (que explicou que cando a cortas e estás cerca chóranche os ollos), Lucas V e Jorge. Seguide así!
A primeira resposta correcta foi a de: ROMÁN.

 26ª Adiviña:
Hoxe Vera manda esta adiviña:
 "En lo alto vive,
en lo alto mora,
en lo alto teje
la tejedora".
Solución: ARAÑA.
Desta volta respostastes sete persoas: Jorge, Antía, Arianna, Hugo G, Marcos, Lucas V e Javi. (Cada vez sodes máis; fenomenal!
A primeira resposta foi a de: JORGE.


25ª Adiviña:
Esta é Javi quen a propón.  A ver se dades coa resposta.
"Corren más que los minutos
pero nunca llegan los primeros.
¿Qué son?
Solución: os SEGUNDOS do reloxo.
Houbo seis respostas: Jorge, Antía Fariña, Marcos, Vera, Román e Lucas V. Todas boas. Moi ben!
A primeira resposta correcta foi a de JORGE.


24ª Adiviña
"Recollo froitos sen sementar, 
o meu vehículo vén e vai,
e por onde eu traballo
non se pode camiñar".
Solución: MARIÑEIRO OU PESCADOR.
Deron a resposta: Vera, Lucas V. e Javi. Parabéns!
A primeira resposta foi a de: VERA.

23ª Adiviña:
"Estou pensando, pensando,
e ao pensar case toleo, 
coa irmá da miña tía, 
que tía miña non é,
que parentesco eu teño?"
Solución: FILLO/A (eu son fillo ou filla), porque ela é miña nai.
Seis persoas responderon NAI, pero ese é o parentesco dela comigo. O meu é ser fillo/a. (Coidado cos enunciados! Xa sabedes que ás veces levan a engano ao principio). De todos os xeitos, moi ben polas vosas respostas.
Así que hoxe, Javi, Román, Antía, Jorge, Lucas V. e Marcos non fostes exactos, exactos, aínda que o que dicides é certo.


22ª Adiviña: (Adiviña de fin de semana)
"Ten rodas pero non anda,
come pero non ten boca
e toda a comida lle parece pouca"  
Solución: MUÍÑO.
Responderon: Antía, Javi, Arianna e Román. Moi ben!
A primeira resposta correcta foi a de: JAVI.


21ª Adiviña:

Esta vez vai ser un acertixo matemático (deses que vos gustan tanto a algúns e algunhas de vós).  É moi fácil, só hai que calcular con xeito. Adiante!
"Canto vale cada froita?"















Solución: MAZÁS: 10/ PLÁTANOS:4/ LARANXAS:2/ RESULTADO FINAL:16.
Catro perosas responderon; todas ben:  Javi, Román, Antía e    Lucas V. Parabéns!
A primeira resposta foi a de JAVI.

20ª Adiviña:
"Mira, mira e dinos qué golosina". 


 







Solución: CARAMELO. 
Deron tres respostas correctas: Javi, Román e Antía. Moi ben aos tres!
A primeira resposta foi a de JAVI, pero ANTÍA explicou moi ben o xeroglífico (é caramelo porque hai cara +melón e quítaselle o N).

 19ª Adiviña:
Hoxe temos un novo xeroglífico que nos manda Javi.  
Que animal é?...










 Solución: CAMALEÓN.
A este xeroglífico responderon: Román, Antía, Lucas V. e Marcos. Parabéns aos catro, que destes coa resposta.
A primeira resposta foi a de: ROMÁN.

 18ª Adiviña:
Esta vez vai ser unha adiviña diferente: un xeroglífico. A partir dos debuxos tedes que atopar a solución ao que se pregunta. 
Veña, que é moi fácil! (por ser o primeiro)
 
 

 

Solución: CARACOL.
Cinco persoas responderon, e todas ben: Lucas, Román, Antía, Arianna e Javi. Bravo!
A primeira resposta foi a de: LUCAS.

 17ª Adiviña:
Esta propona Arianna. Pensade ben.
"Ten mans
pero non pode aplaudir".
Solución: RELOXO.
Tres persoas responderon (dúas correctamente): Román, Lucas V. e Antía. Moi ben por animarvos!
A primeira resposta correcta foi a de: ROMÁN.

16ª Adiviña:
Aló vai esta:
"De que hai que encher algo
para que canto máis se encha diso,
menos pese?
Pensádeo ben, porque hai cousas que pensamos que non pesan e si que pesan! 
Solución: de FURADOS. Aínda que vos pareza que non, o aire pesa. Para que calquera cousa pese cada vez menos, hai que "adelgazala" quitándolle anaquiños. Se a unha madeira lle facemos furados ou buracos, cada vez pesará menos. Se queredes comprobar que o aire pesa picade aquí.
Repondestes catro persoas: Román Antía, Javi e Lucas V. Moi ben!
A primeira resposta correcta foi a de: JAVI.


 15ª Adiviña:
Hoxe ímolo ir complicando un pouquiño. Podedes pedir axuda aos maiores da casa, por suposto.
"Dúas nais e dúas fillas
tapadas con 3 toquillas.
Cada unha leva a súa,
como pode isto ser?"
Solución: AVOA, NAI, FILLA (hai dúas fillas (filla e nai, que é filla da avoa, e hai dúas nais:a avoa (nai da nai e a nai, que é nai da filla)
Deron resposta (e todas ben) Román, Javi, Antía, Arianna e Lucas V. Parabéns!
A primeira resposta foi a de: ROMÁN.


14ª Adiviña:
Hoxe é un día un pouco especial, 2 de abril, e quédavos aquí unha adiviña en honor a este día:
"Teño follas e non son árbore,
falo e non teño voz.
Se me abres, non me queixo.
Pódesme dicir quen son?
Solución: LIBRO.
Responderon Javi, Román, Antía e Lucas V e fixérono todos ben!
A primeira resposta foi a de: JAVI.


13ª Adiviña: 
Arianna propón isto:
"Úsase para comer
e non é prato nin culler
Solución: BOCA.
Respondestes catro persoas (Román, Antía, Javi e Hugo G.). Moi ben!
A primeira en responder ben foi: ROMÁN.


12ª Adiviña:
Esta vez, Javi propón a seguinte cuestión:
"Un gallo pone un huevo 
en la cima de una montaña. 
Sopla el viento hacia la derecha. 
¿Hacia qué lado caerá el huevo?"
Solución:  Para ningún lado porque os galos non poñen ovos (os ovos póñenos as galiñas).
Desta volta só responderon Román, Antía e Arianna. Parabéns por participar tanto!  
A primeira resposta correcta foi a de ANTÍA.


11ª Adiviña: 
Preguntade á vosa familia a ver se sabedes a resposta desta:
"Que cousa, cousa será?
Levámola todos dentro 
e mollada sempre está".
Solución: LINGUA
A esta responderon oito persoas, e todas correctamente: Javi, Lucas V, Román, Hugo G, Marcos, Antía Fariña, Daniella e Lucas Vares. Fenomenal!
O primeiro en responder foi: JAVI.

10ª Adiviña:
Imos con esta que propón Lucas:
"Entre dos peñas feroces
hay alguien dando voces." 
Polo de agora contestaron catro persoas e só hai unha resposta correcta. Deixaremos ata mañá para dar coa solución, a ver se se anima alguén máis.
Solución: PEIDO.
Contestaron: Daniella, Antía Fariña, Javi e Román. Era complicada, pero moi ben, nenas e nenos!
A resposta correcta foi a de:  JAVI.

9ª Adiviña:
A ver se atinades coa resposta desta:
"Teño patas ben dereitas 
mais non podo camiñar;
levo no lombo a comida 
e nunca podo xantar"
Solución: MESA.
Esta vez só se animaron catro persoas: Román,  Javí, Zoe e Lucas Vares. Moi ben!
A 1º resposta foi a de: ROMÁN.


8ª Adiviña:
Hoxe é Marcos quen nos propón a seguinte:
"En un rincón de la clase 
donde yo estoy colocada,
acudes con tus papeles 
que no te sirven para nada." 
Solución:  PAPELEIRA
De novo responderon cinco persoas: Arianna, Román, Javi, Lucas V. e Vera . Bravo!
A 1º resposta foi a de: ARIANNA. 

7ª Adiviña:
Esta propona Arianna. Velaí vai:
"Hincha, hincha, 
y si te lo pinchan,
sin más se te desincha".
A solución: GLOBO.
Houbo 5 respostas, todas ben: Román, Marcos, Hugo Gentil, Javi e Vera. Estupendo!
A 1ª resposta foi a de: ROMÁN.


6ª Adiviña:
Agora tócalle a Román. A ver con que nos sorprende!
"Por dentro carbón,
por fuera madera.
En tu maletón, 
voy a la escuela".
A solución é: lapis.
Responderon 6 persoas: Arianna, Lucas V, Javi, Vera, Hugo Gentil e Marcos. Moi ben!
A 1º persoa en responder foi: ARIANNA.
 
5ª Adiviña:
Esta vez é a quenda de Vera, que nos manda unha adiviña dunha maneira diferente e acompañada de moitos ánimos! Así dá gusto!


 
A solución é: ESTEBAN.
Esta vez responderon 3 persoas (e todas responderon ben), pero só sabemos o nome de dúas: Arianna e Lucas Vares, porque quen respondeu primeiro non puxo o seu nome, así que... ou nos di quen foi ou poñeremos anónimo. Felicitacións a todos e todas.
Ben! Xa sabemos quen foi o que respondeu primeiro: JAVI! 

4ª Adiviña:
"Adiviña, adiviña, 
que unha figuriña é.
Ten dous lados que son longos 
e ten dous curtos tamén.
Parécese ao cadrado
pero alonga dous lados á vez".  
Solución: RECTÁNGULO .
Fostes catros que respondestes e todos ben: Lucas Vares, Vera, Javi e Román. Parabéns!
A 1ª resposta correcta foi a de: LUCAS VARES.


3ª Adiviña:
Esta vez é Javi quen a propón. A ver se damos coa resposta.

"La madre de Laura tiene 5 hijas. 
    La primera se llama Sasi, 
    la segunda Sesi, 
    la tercera Sisi, 
    la cuarta Sosi. 
   ¿Cómo se llama la quinta?"

Solución:  LAURA (se a nai de Laura ten cinco fillas e xa tedes o nome das outras catro, a quinta ten que ser Laura. Lede de novo con atención.)
Responderon: Román, Arianna, Lucas e Diego Salgado.
A 1ª resposta correcta foi a de LUCAS VARES.



   2ª Adiviña:
Esta adiviña enviouna Lucas (de creación propia) . Non é tan sinxela como parece. Hai que usar un pouquiño a imaxinación, así que... adiante! (tedes todo o día para enviar respostas).
    "Oro parece, 
    plata no es;
    si quieres que te lo diga,
    espera".


Desta volta responderon 6 persoas: Arianna, Vera, Román, Antía, Anthony e Javi. Ningunha delas dixo a resposta correcta (non era fácil meterse na cabeza de Lucas): MACEDONIA (unha macedonia de pouquiña froitas. Será a que lle gusta a Lucas?)


1ª Adiviña
    "Entre col e col, leituga; 
    entre leitugas a flor; 
    entre as flores, Pepita; 
    e entre as Pepitas, sol".

Pois a solución é:  XIRASOL
Fostes 4 persoas as que respostastes correctamente: Alejandra, Hugo Gentil, Lucas e Marcos. E a primeira foi....   ÁLEX!
Parabéns!  

Ningún comentario:

Publicar un comentario